segunda-feira, 12 de março de 2012

Xuntanza aberta o sábado 24 de marzo

A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrará o vindeiro sábado 24 de marzo unha Xuntanza Aberta para todas aquelas persoas que teñan interese en coñecer o único proxecto estudantil liberal en Galicia.

A xuntanza terá lugar no Café-Bar Derby, Rúa Huerfanas nº29, de Santiago de Compostela a partires das 18:30 horas.

domingo, 4 de março de 2012

ALEGa participou na Conferencia Política de C.XXI

_____________________ (Xurxo Astorgano defendendo o relatório sobre a Universidade)

A Asociación Liberal do Estudantado Galego estivo representada por varios dos seus membros na Conferencia Política que celebrou Converxencia XXI o pasado sábado 3 de marzo en Santiago de Compostela.

O relatório sobre a Universidade presentado por Xurxo Astorgano, un dos membros de ALEGa que participaron na Conferencia Política, foi aprobado por unha ampla maioría de votos favorábeis. Este relatório orientará no futuro os posicionamentos de Converxencia XXI sobre temas relacionados coa Universidade.

O relatório sobre a Universidade avoga pola transición cara un sistema de educación privada; que é o único sistema que permite un ensino de calidade, dun xeito xusto e libre, para tódolos cidadáns galegos.
.

sábado, 18 de fevereiro de 2012

Celebradas as Asambleas Xerais de ALEGa

Hoxe, día 18 de febreiro do 2012, cumprindo co acordado na Asamblea Fundacional do pasado mes de decembro, celebráronse en Santiago de Compostela as Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria da Asociación Liberal do Estudantado Galego.

Na Asamblea Xeral extraordinaria acordóuse a política internacional que levará a cabo ALEGa, fundamentalmente enfocada ás relacións coa familia liberal europea, debatéronse os métodos de difusión da mensaxe liberal entre a mocidade e aprobóuse por unanimidade a creación das seguintes áreas estratéxicas:
- Relacións internacionais.
- Comunicación e relacións externas.
- Difusión e rede.
- Expansión e innovación.

Na Asamblea Xeral ordinaria elixíuse por unanimidade a Xunta Directiva formada por:
- Presidente: Diego Santos Ferreira
- Vicepresidente: Mateo Santiago Franco Rodríguez
- Tesoureiro: Javier Botana Botana
- Secretário: Wenceslao Posada Bolaño
- Vogal: Víctor Neira Pita
.

domingo, 12 de fevereiro de 2012

Modifícase o lugar de celebración das Asambleas Xerais

Con motivo de facilitar a asistencia ás Asambleas Xerais, a Xunta Directiva da Asociación Liberal do Estudantado Galego acordou modificar o lugar de celebración das Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria, convocadas para o sábado 18 de febreiro de 2012 ás 10:00 horas, que pasarán a ter lugar na Biblioteca Anxel Casal, en Santiago de Compostela.

Procuramos a participación de todos aqueles estudantes liberais que desexen formar parte deste proxecto co fin de promover os ideais que sirvan como semente para a construcción dunha sociedade máis libre, máis próspera, onde haxa unha mellor calidade de vida e se respeten os dereitos individuais.
.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

A Xunta Directiva acorda celebrar Asambleas Xerais o sábado 18 de febreiro

A Xunta Directiva provisional acordou fixar a data da convocatoria para as Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria, que estaban previstas para o mes de febreiro, no día sábado 18/02/2012 ás 10:00 horas na Biblioteca Anxel Casal, en Santiago de Compostela.

A nova Xunta Directiva, segundo os Estatutos, terá os seguintes postos:
-Presidente-
-Vicepresidente-
-Secretário-
-Tesoureiro-
-Vogais-

Na Asamblea Xeral ordinaria poderanse presentar un número ilimitado de candidaturas, cumprindo cos requisitos estatutarios, e gañará aquela que acade maioría absoluta.

Na Asamblea Xeral extraordinaria previa debatiranse os diversos temas pertinentes sobre xestión e obxectivos da asociación.


Desde a actual Xunta Directiva animámosvos a tod@s a participar deste proxecto aberto e plural necesario para a sociedade galega e, especialmente, necesario para os estudantes galegos.
.

terça-feira, 27 de dezembro de 2011

Entrevista a Diego Santos no Galicia Confidencial

Esta é a entrevista realizada por Galicia Confidencial a Diego Santos Ferreira, presidente da Asociación Liberal do Estudantado Galego:


"O liberalismo sofre dunha gran distorsión e desprestixio"

Os liberais galegos xa teñen asociación estudantil. Trátase da Asociación Liberal do Estudantado Galego --Alega--. Diego Santos Ferreira é o seu presidente.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/12/2011

A Asociación Liberal do Estudantado Galego intégrase na familia liberal de corte galego que actualmente conforman a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia, membro do European Liberal Forum, e Converxencia XXI. O seu presidente asegura que pretenden ser un "referente e unha ferramenta" para o estudantado galego, principalmente universitario, "na defensa e difusión das ideas do galeguismo e liberalismo".


Galicia Confidencial (GC).- Como xurdiu a idea dunha asociación liberal na universidade?
Diego Santos Ferreira (DSF).- O fundamental para impulsar calquera iniciativa con intención de éxito, é necesario que esta aporte algo novo, algo que actualmente ninguén ofreza. Neste caso, un determinado grupo de estudantes de distintas idades e universidades galegas, galeguistas e liberais, decidimos que era un bo momento para lanzar esta iniciativa, contando co apoio fundamental de Converxencia XXI e a Galidem.


GC.- Canta xente a integrades?
DSF.- Hai que ter en conta que somos unha organización que remata de nacer. Actualmente andamos sobre as doce persoas, con moita ilusión e ganas de traballar neste proxecto.


GC.- En que universidades estades?
DSF.- Contamos con xente de distintas universidades, e o noso obxectivo é chegar a todas elas, dado que Alega é una asociación para todo o estudantado universitario galego.


Difundir o liberalismo

GC.- Cales son os vosos obxectivos?
DSF.- Como xa se indicou antes, o noso obxectivo principal, é que Alega sexa un referente no marco da universidade, da defensa e difusión do liberalismo galego. Para conseguir isto está claro que nos espera un duro traballo e responsabilidade para facernos un oco na axenda dos estudantes.


GC.- Liberal tamén é outra asociación próxima ao PP, non temedes que vos confundan?
DSF.- A verdade e que non coñezo a outra organización estudantil liberal e menos próxima ao PP, principalmente porque o PP, non é un partido liberal.


GC.- Que vos diferencian, entón, do PP?
DSF.- O PP, é un partido principalmente conservador, que en moi rara vez defenden perspectivas liberais.


Momentos complicados

GC.- Definídesvos galegos e liberais. Credes que as vosas ideas teñen predicamento entre os universitarios?
DSF.- Temos que ser conscientes, de que o noso mercado na universidade non é tan amplo como os que poden ter outras organizacións. Isto débese principalmente a que o liberalismo, sofre dunha gran distorsión e desprestixio entre a sociedade, que ve liberalismo onde realmente non o hai. Un exemplo claro, e o tema da crise económica, onde se acusa que a crise é provocada polo exceso de liberalismo, cando na nosa opinión, a crise é unha clara mostra da ausencia de liberalismo na política actual e un claro exceso de intervencionismo. Neste contexto, non temos que ter medo de crecer máis lentamente que outras organizacións, pero para nada iso cambia os nosos obxectivos.
.

sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

Elixida a Xunta Directiva interina na Asamblea Fundacional

A Asociación Liberal do Estudantado Galego ven de celebrar a súa Asamblea Fundacional na que elixiu unha Xunta Directiva provisional que terá vigor, segundo os Estatutos, até a I Asamblea Xeral ordinaria.

A Xunta Directiva provisional está integrada polas seguintes persoas:
- Presidente: Diego Santos Ferreira
- Vicepresidente: Mateo Santiago Franco Rodríguez
- Tesoureiro: Xurxo Astorgano López
- Secretário: Wenceslao Posada Bolaño
- Vogal: Marta Osorio López

A Xunta Directiva provisional convocou a I Asamblea Xeral ordinaria para o mes de febreiro, onde será elixida e lexitimada, segundo os Estatutos, por periodo dun ano a nova Xunta Directiva da asociación.
.