domingo, 28 de outubro de 2012

Nova Xunta Directiva, funcións estratéxicas e folla de ruta

A Asamblea Xeral ordinaria da Asociación Liberal do Estudantado Galego, celebrada o pasado sábado 27 de outubro, elixiu a nova Xunta Directiva, así como as funcións estratéxicas e a folla de ruta a seguir por parte da asociación.

A nova Xunta Directiva elixida pola Asamblea é a seguinte:

- Presidente: Javier Botana Botana
- Vicepresidente e Secretario de organización: Antonio Balseiro Rama
- Tesoureiro: Mateo Santiago Franco Rodríguez
- Secretaria e vogal de afiliación: Beatriz Lorenzo Blanco
- Vogal de internet e redes sociais - Community manager: Adrián Ansede Taboada
- Vogal de expansión e eventos: Fernando García Pardo
- Vogal de relacións internacionais: Victor Neira Pita

A Asamblea tamén aprobou a asunción das seguintes funcións por parte da Xunta Directiva:

- Presidente: Representación e xestión técnica da asociación.
- Vicepresidente: Asumir as funcións do presidente na súa ausencia.
- Secretario de organización: Encárgase de tódalas xestións pertinentes para a organización de todo tipo de eventos na universidade.
- Tesoureiro: Encárgase das finanzas da asociación e de atopar vías de financiamento.
- Secretario: Ocúpase de levantar acta nas reunións da Xunta Directiva e de toda a comunicación interna da asociación.
- Vogal de internet e redes sociais – community manager: Ocúpase de todo o relacionado coa difusión e expansión da asociación en internet e nas redes sociais.
- Vogal de expansión e campañas: Encárgase de idear campañas co fin de promover o liberalismo e ALEGa entre o estudantado.
- Vogal de eventos: Encárgase da organización técnica dos eventos que faga a asociación.
- Vogal de relacións internacionais: Encárgase da comunicación internacional.
- Vogal de afiliación e simpatizantes: Ocúpase da xestión dos datos da afiliación e simpatizantes da asociación.

segunda-feira, 22 de outubro de 2012

Asamblea ordinaria o sábado 27 de outubro


A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrará unha Asamblea ordinaria para elixir á súa nova Xunta Directiva e renovar o organigrama da asociación co fin de axustarse do mellor xeito posible ás necesidades que lle son presentadas.
 
A Asamblea terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro sábado 27 de outubro. Será a partir das 16:30 horas no Restaurante Bocalino (Rúa da República Arxentina, nº11)

Neste curso académico, a asociación procurará continuar a súa expansión, o espallamento do ideario liberal entre os universitarios galegos e a realización de xornadas de diversos temas como a economía, as liberdades civís e demáis asuntos na Universidade.

sexta-feira, 21 de setembro de 2012

Convocada Asamblea Xeral ordinaria para o 27 de outubro


A Asociación Liberal do Estudantado Galego ven de convocar unha Asamblea Xeral ordinaria para elixir democraticamente a súa nova Xunta Directiva e renovar as súas áreas funcionais estratéxicas.

O requerimento para participar con voz e voto na Asamblea é ser afiliado da asociación. Os afiliados deberán aboar in-situ unha cota de 5 euros en concepto do 2º semestre de 2012. Os simpatizantes poderán asistir á Asamblea, mais non terán dereito a voto nin á participación directa na asociación.

A Asamblea terá lugar, previsiblemente, o sábado 27 de outubro en Santiago de Compostela, a hora e o lugar están pendentes de confirmación definitiva.

En todo caso, aqueles afiliados que non poidan asistir á Asamblea non terán ningún problema para participar na dinámica da asociación.

terça-feira, 14 de agosto de 2012

O coñecemento nos libros e na reflexión persoal



O galego Miguel Anxo Bastos recomenda unha serie de lecturas de autores liberais, socialdemócratas e comunistas para poder acadar unha perspectiva de coñecemento sobre os diferentes sistemas económicos que permita unha reflexión persoal sobre os mesmos.

segunda-feira, 18 de junho de 2012

ALEGa celebra o fin de curso 2011/12


A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrou o pasado venres 15 de xuño unha cea para despedir o curso universitario compartindo uns momentos distendidos de confraternización.

Con apenas unhas semanas de existencia, ALEGa xa acadou unha importante relevancia dentro do mundo estudantil amosándose como unha asociación moi atractiva para os novos liberais.

terça-feira, 22 de maio de 2012

ALEGa entra nas Xuntas de Facultade onde presentou candidaturas

Con apenas unhas semanas de vida, a Asociación Liberal do Estudantado Galego obtivo representación nas Xuntas de Facultade de Medicina e Ciencias Políticas, facultades onde presentou candidaturas nas presentes eleccións.

Desde ALEGa agradecemos o apoio a tódolos que nós votaron e aos que traballaron ó noso carón para acadar este éxito.

Por vez primeira, unha asociación liberal estará presente nas Xuntas de Facultade da USC.

Agardamos que isto só sexa o comezo e continuamos a traballar para seguir dando a coñecer o liberalismo na universidade.

quinta-feira, 10 de maio de 2012

Xornadas sobre pensamento liberal de ALEGa


A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrará os días 14 e 15 de maio unhas Xornadas sobre pensamento liberal no Salón de Graos de Ciencias Políticas.

O luns 14  de maio ás 11 horas, intervirá Carlos V. Padín, Secretário Xeral do partido liberal Converxencia XXI, onde exporá a súa visión sobre o Nacionalismo Liberal en Galicia.

O martes 15 de maio ás 11 horas, falará Antonio Carlos Pereira Menaut, Doutor en Dereito, sobre o Constitucionalismo Británico.

ALEGa intervirá no debate electoral da Facultade de Ciencias Políticas


O acto terá lugar o martes 15 de maio a partires das 12 horas no Salón de Actos da USC.

quarta-feira, 25 de abril de 2012

Xuntanza aberta de ALEGa este sábado 28 de abril

Aproveitando o éxito da xuntanza aberta do pasado sábado 21, a Asociación Liberal do Estudantado Galego decide convocar unha nova xuntanza aberta para este sábado 28 de abril.

A xuntanza terá lugar ás 17:30 horas no Bar Derby de Santiago de Compostela.

Desde ALEGa continuamos coa difusión dos ideais liberais entre os estudantes galegos.

Anímate a vir e descubre o teu lado liberal!

sábado, 21 de abril de 2012

ALEGa estará presente no Congreso do European Liberal Youth


A Asociación Liberal do Estudantado Galego estará presente no Congreso do LYMEC - European Liberal Youth - que terá lugar os días 11-13 de maio en København (Dinamarca).

O responsábel de relacións internacionais, Víctor Neira, asistirá en representación de ALEGa ó Congreso das mocidades liberais europeas, unha cita que reforzará a nosa ligazón e que pretende sentar as bases dunha colaboración fructífera para o liberalismo galego e europeo.

Esta será a primeira vez na que unha asociación galega participa nun acto do European Liberal Youth.

Así mesmo, ALEGa está realizando as xestións pertinentes para presentar a súa candidatura ao ingreso no LYMEC, inicialmente coma membro observador.

quarta-feira, 18 de abril de 2012

ALEGa preséntase ás eleccións ás Xuntas de Facultade

Tras apenas unhas semanas da súa creación, a Asociación Liberal do Estudantado Galego afronta as súas primeiras eleccións ás Xuntas de Facultade da Universidade de Santiago de Compostela coa concorrencia de 6 candidatos.

ALEGa presentará 4 candidatos na Facultade de Ciencias Políticas e 2 candidatos na Facultade de Medicina co obxectivo de ser unha voz potente na Universidade en defensa dos estudantes.

Podes seguir a nosa acutalidade nas redes sociais.
.

Xuntanza aberta de ALEGa este sábado 21 de abril

A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrará unha xuntanza aberta en Santiago de Compostela este sábado 21 de abril.

A xuntanza aberta terá lugar no Bar Derby - Santiago de Compostela - a partires das 17:00 horas.

Desde ALEGa animamos a todas aquelas persoas que desexen coñecer o noso novo proxecto liberal e galeguista a que asistan á xuntanza.
.

segunda-feira, 12 de março de 2012

Xuntanza aberta o sábado 24 de marzo

A Asociación Liberal do Estudantado Galego celebrará o vindeiro sábado 24 de marzo unha Xuntanza Aberta para todas aquelas persoas que teñan interese en coñecer o único proxecto estudantil liberal en Galicia.

A xuntanza terá lugar no Café-Bar Derby, Rúa Huerfanas nº29, de Santiago de Compostela a partires das 18:30 horas.

domingo, 4 de março de 2012

ALEGa participou na Conferencia Política de C.XXI

_____________________ (Xurxo Astorgano defendendo o relatório sobre a Universidade)

A Asociación Liberal do Estudantado Galego estivo representada por varios dos seus membros na Conferencia Política que celebrou Converxencia XXI o pasado sábado 3 de marzo en Santiago de Compostela.

O relatório sobre a Universidade presentado por Xurxo Astorgano, un dos membros de ALEGa que participaron na Conferencia Política, foi aprobado por unha ampla maioría de votos favorábeis. Este relatório orientará no futuro os posicionamentos de Converxencia XXI sobre temas relacionados coa Universidade.

O relatório sobre a Universidade avoga pola transición cara un sistema de educación privada; que é o único sistema que permite un ensino de calidade, dun xeito xusto e libre, para tódolos cidadáns galegos.
.

sábado, 18 de fevereiro de 2012

Celebradas as Asambleas Xerais de ALEGa

Hoxe, día 18 de febreiro do 2012, cumprindo co acordado na Asamblea Fundacional do pasado mes de decembro, celebráronse en Santiago de Compostela as Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria da Asociación Liberal do Estudantado Galego.

Na Asamblea Xeral extraordinaria acordóuse a política internacional que levará a cabo ALEGa, fundamentalmente enfocada ás relacións coa familia liberal europea, debatéronse os métodos de difusión da mensaxe liberal entre a mocidade e aprobóuse por unanimidade a creación das seguintes áreas estratéxicas:
- Relacións internacionais.
- Comunicación e relacións externas.
- Difusión e rede.
- Expansión e innovación.

Na Asamblea Xeral ordinaria elixíuse por unanimidade a Xunta Directiva formada por:
- Presidente: Diego Santos Ferreira
- Vicepresidente: Mateo Santiago Franco Rodríguez
- Tesoureiro: Javier Botana Botana
- Secretário: Wenceslao Posada Bolaño
- Vogal: Víctor Neira Pita
.

domingo, 12 de fevereiro de 2012

Modifícase o lugar de celebración das Asambleas Xerais

Con motivo de facilitar a asistencia ás Asambleas Xerais, a Xunta Directiva da Asociación Liberal do Estudantado Galego acordou modificar o lugar de celebración das Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria, convocadas para o sábado 18 de febreiro de 2012 ás 10:00 horas, que pasarán a ter lugar na Biblioteca Anxel Casal, en Santiago de Compostela.

Procuramos a participación de todos aqueles estudantes liberais que desexen formar parte deste proxecto co fin de promover os ideais que sirvan como semente para a construcción dunha sociedade máis libre, máis próspera, onde haxa unha mellor calidade de vida e se respeten os dereitos individuais.
.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

A Xunta Directiva acorda celebrar Asambleas Xerais o sábado 18 de febreiro

A Xunta Directiva provisional acordou fixar a data da convocatoria para as Asambleas Xerais extraordinaria e ordinaria, que estaban previstas para o mes de febreiro, no día sábado 18/02/2012 ás 10:00 horas na Biblioteca Anxel Casal, en Santiago de Compostela.

A nova Xunta Directiva, segundo os Estatutos, terá os seguintes postos:
-Presidente-
-Vicepresidente-
-Secretário-
-Tesoureiro-
-Vogais-

Na Asamblea Xeral ordinaria poderanse presentar un número ilimitado de candidaturas, cumprindo cos requisitos estatutarios, e gañará aquela que acade maioría absoluta.

Na Asamblea Xeral extraordinaria previa debatiranse os diversos temas pertinentes sobre xestión e obxectivos da asociación.


Desde a actual Xunta Directiva animámosvos a tod@s a participar deste proxecto aberto e plural necesario para a sociedade galega e, especialmente, necesario para os estudantes galegos.
.