terça-feira, 27 de dezembro de 2011

Entrevista a Diego Santos no Galicia Confidencial

Esta é a entrevista realizada por Galicia Confidencial a Diego Santos Ferreira, presidente da Asociación Liberal do Estudantado Galego:


"O liberalismo sofre dunha gran distorsión e desprestixio"

Os liberais galegos xa teñen asociación estudantil. Trátase da Asociación Liberal do Estudantado Galego --Alega--. Diego Santos Ferreira é o seu presidente.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/12/2011

A Asociación Liberal do Estudantado Galego intégrase na familia liberal de corte galego que actualmente conforman a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia, membro do European Liberal Forum, e Converxencia XXI. O seu presidente asegura que pretenden ser un "referente e unha ferramenta" para o estudantado galego, principalmente universitario, "na defensa e difusión das ideas do galeguismo e liberalismo".


Galicia Confidencial (GC).- Como xurdiu a idea dunha asociación liberal na universidade?
Diego Santos Ferreira (DSF).- O fundamental para impulsar calquera iniciativa con intención de éxito, é necesario que esta aporte algo novo, algo que actualmente ninguén ofreza. Neste caso, un determinado grupo de estudantes de distintas idades e universidades galegas, galeguistas e liberais, decidimos que era un bo momento para lanzar esta iniciativa, contando co apoio fundamental de Converxencia XXI e a Galidem.


GC.- Canta xente a integrades?
DSF.- Hai que ter en conta que somos unha organización que remata de nacer. Actualmente andamos sobre as doce persoas, con moita ilusión e ganas de traballar neste proxecto.


GC.- En que universidades estades?
DSF.- Contamos con xente de distintas universidades, e o noso obxectivo é chegar a todas elas, dado que Alega é una asociación para todo o estudantado universitario galego.


Difundir o liberalismo

GC.- Cales son os vosos obxectivos?
DSF.- Como xa se indicou antes, o noso obxectivo principal, é que Alega sexa un referente no marco da universidade, da defensa e difusión do liberalismo galego. Para conseguir isto está claro que nos espera un duro traballo e responsabilidade para facernos un oco na axenda dos estudantes.


GC.- Liberal tamén é outra asociación próxima ao PP, non temedes que vos confundan?
DSF.- A verdade e que non coñezo a outra organización estudantil liberal e menos próxima ao PP, principalmente porque o PP, non é un partido liberal.


GC.- Que vos diferencian, entón, do PP?
DSF.- O PP, é un partido principalmente conservador, que en moi rara vez defenden perspectivas liberais.


Momentos complicados

GC.- Definídesvos galegos e liberais. Credes que as vosas ideas teñen predicamento entre os universitarios?
DSF.- Temos que ser conscientes, de que o noso mercado na universidade non é tan amplo como os que poden ter outras organizacións. Isto débese principalmente a que o liberalismo, sofre dunha gran distorsión e desprestixio entre a sociedade, que ve liberalismo onde realmente non o hai. Un exemplo claro, e o tema da crise económica, onde se acusa que a crise é provocada polo exceso de liberalismo, cando na nosa opinión, a crise é unha clara mostra da ausencia de liberalismo na política actual e un claro exceso de intervencionismo. Neste contexto, non temos que ter medo de crecer máis lentamente que outras organizacións, pero para nada iso cambia os nosos obxectivos.
.

sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

Elixida a Xunta Directiva interina na Asamblea Fundacional

A Asociación Liberal do Estudantado Galego ven de celebrar a súa Asamblea Fundacional na que elixiu unha Xunta Directiva provisional que terá vigor, segundo os Estatutos, até a I Asamblea Xeral ordinaria.

A Xunta Directiva provisional está integrada polas seguintes persoas:
- Presidente: Diego Santos Ferreira
- Vicepresidente: Mateo Santiago Franco Rodríguez
- Tesoureiro: Xurxo Astorgano López
- Secretário: Wenceslao Posada Bolaño
- Vogal: Marta Osorio López

A Xunta Directiva provisional convocou a I Asamblea Xeral ordinaria para o mes de febreiro, onde será elixida e lexitimada, segundo os Estatutos, por periodo dun ano a nova Xunta Directiva da asociación.
.

sexta-feira, 16 de dezembro de 2011

Nace a Asociación Liberal do Estudantado Galego

Nace a Asociación Liberal do Estudantado Galego (ALEGa), integrada na familia liberal galega que conforman actualmente a Asociación Galega pola Liberdade e a Democracia e Converxencia XXI, como un medio máis para servir á sociedade galega.

A Asociación Liberal do Estudantado Galego pretende ser unha ferramenta de utilidade para que tódolos estudantes galeg@s que o desexen poidan participar na promoción e defensa dos ideais de liberdade e galeguismo no eido da Universidade a través das diferentes actividades que desenvolverá a asociación.

ALEGa, como asociación autónoma, liberal e aperturista que é, busca a participación de tódolos estudantes galegos que compartan as nosas ilusións por traballar en prol do espallamento das ideas liberais e galeguistas na sociedade galega e fai un chamamento a tódolos estudantes a traballar nesta liña.